Podemos Nigrán solicita a creación dun gabinete psicopedagóxico municipal

A educación é un dereito fundamental dos e das menores, así mesmo, é un motor do desenvolvemento humano e do cambio social e por iso, ten que ser unha cuestión de prioridade na axenda municipal. As familias de nenos e nenas con algún tipo de dificultade de aprendizaxe soportan unha gran carga económica, mensualmente destinan entre 100€/300€ para tratamento e terapias, máis os gastos ordinarios que pode ter unha familia con fillos e fillas sen as devanditas dificultades.

Por iso, desde o Círculo de Podemos Nigrán, reclaman a necesidade dun servizo público para a atención integral e multidisciplinar da infancia e mocidade con dificultades específicas de aprendizaxe. Debido ao anteriormente exposto, hoxe presentaron ante rexistro do Concello de Nigrán un requirimento no que solicitan a creación dun Gabinete Psicopedagóxico Municipal, que dea resposta e apoio ás necesidades educativas do alumnado dos centros públicos do municipio, mediante a atención psicopedagóxica directa e o asesoramento a docentes e familias.