Arranca en Baiona o curso formativo “Galegas Dixitais”

A acción formativa “Galegas Dixitais”, un programa de formación para a dixitalización das mulleres, coa que colabora a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, comezou esta mañá no Multiusos Ángel Bedriñana.

O programa, organizado por Beproyect Consultores e Ara Formación, está financiado polos fondos europeos Next Generation EU e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Ministerio de Educación e Educación Profesional. O principal obxectivo é mellorar as capacidades dixitais de mulleres que se atopan en situación de desemprego ou en mellora de emprego. Preténdese favorecer a capacidade de empregabilidade, impulsar o emprendemento e desenvolvemento rural e reducir a fenda de xénero.

A formación está agrupada nos seguintes bloques temáticos: competencias dixitais básicas con 40 horas de duración; competencias dixitais avanzadas con 40 horas de duración; e competencias dixitais para o emprendemento con 40 horas de duración.

O programa desenvolverase ata o 21 de outubro de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas. Xunto co material didáctico e co obxectivo de facer posible o uso das novas tecnoloxías tras a formación, as alumnas participantes serán obsequiadas cun ordenador portátil co que poderán poñer en práctica o aprendido.