Aldo Román Gutiérrez e Patricia Agüera gañan a Triple Corona Illas Atlánticas entre Cíes e Baiona

O nadador das Palmas, Aldo Román Gutiérrez Llanos, cun tempo de 03:56:37, impúxose na primeira proba da terceira edición da Triple Corona Illas Atlánticas entre Cíes e Baiona, que se disputou hoxe sábado en augas da ría de Vigo cunha distancia de 15 quilómetros. En segunda posición chegou a moi curta distancia o nadador de Badaxoz, Cayetano Muñoz Labrador (03:56:46). Completou o podio na categoría masculina o catalán Sergio Torres Serrano (3:56:47), que se impuxo na mesma proba celebrada en 2018. A primeira muller clasificada foi a asturiana Patricia Agüera Fernández (04:20:10), segunda, a nadadora zaragozana, Tania Fuentes Cihuela (04:30:09) e terceira, a valenciana Esperanza Navarro Simón (04:58:06).

Na categoría sen neopreno, o primeiro clasificado foi o asturiano Luis Bárcena Pérez (04:54:29), seguido do nadador cubano Alexis Rodríguez Castedo (05:11:47) e Ángel Monedero Timón (05:16:21). Na categoría feminina sen neopreno, a gañadora foi a nadadora viguesa Vanesa Rodríguez Pérez (05:42:02) e segunda, a vasca Miren Agurtzane Domingo Inhiesto (05:58:01).

O nadador máis novo foi o asturiano Diego Gutiérrez (04:25:56) e o máis veterano, o vigués Alejandro Ros Rosillo (05:58:03).

A travesía, organizada por Atlantic Extrem Sports, comezou ás 09:15 horas coa saída do primeiro grupo de nadadores desde a praia de Rodas, en Cíes e finalizou na praia de Ribeira, en Baiona ás 16:00 horas. A proba desenvolveuse cunhas excelentes condicións meteorolóxicas, con 17 graos de temperatura na auga e 25º graos no exterior, que acompañaron a todos os nadadores, con mar fondo de 1.5 metros que, nas illas Estelas, chegou alcanzar os 2 m.

Un total de 154 nadadores de España, Portugal e Francia con idades comprendidas entre os 19 e os 64 anos saíron da praia de Rodas en Cíes, dos cales 15 tiveron que retirarse, o cal pon de relevo o altísimo nivel dos atletas que se inscribiron nesta durísima competición.

Correntes, ondada e a dureza do océano aberto foron algúns dos elementos adversos aos que tiveron que enfrontarse os participantes na travesía que destacaron o bo nivel de organización da proba. Os nadadores resaltaron a dureza do tramo comprendido entre os quilómetros 5 ao 8, e o paso entre a península de Monteferro e as illas Estelas.

A travesía Illas Cíes-Baiona é a primeira cita da terceira edición da Triple Corona Illas Atlánticas (57 km a nado), unha das probas de natación máis duras de España. Durante a xornada despregouse en augas da ría de Vigo un forte dispositivo de seguridade, integrado por 35 embarcacións, 45 kaiaks, 7 pádel surf, 3 motos acuáticas e preto de 200 persoas en terra e mar. Houbo 2 médicos, 15 socorristas, un posto de Protección Civil do Val Miñor e unha ambulancia medicalizada na meta.

A proba, coordinada por Carlos Agra, contramestre do Náutico de Sanxenxo, estivo balizada con 6 boias desde Cíes ata Baiona e contouse con tres embarcacións do Monte Real Club de Yates de Baiona para o avituallamento dos nadadores. Os participantes tiveron que pasar polos tres avituallamentos (quilómetros 4, 8 e 12) nuns tempos límite marcados pola organización xa que parte do percorrido transcorre na canle de entrada da ría de Vigo (do 4 ao 8) e foi necesario garantir o tráfico de embarcacións pola devandita canle.

Para velar pola seguridade dos nadadores a organización contou coa colaboración do Parque Nacional das Illas Atlánticas, Monte Real Club de Yates de Baiona, Gardacostas de Galicia, Escola Naval Militar de Marín, Búsqueda y Salvamento de Galicia, Club Marítimo de Panxón, Club Náutico de Canido, Protección Civil do Val Miñor, Confraría de Pescadores de Baiona, Garda Civil do Mar, Saphire Ladeira, Nordés Kaiak e Club deportivo PescaCíes.

A Triple Corona Illas Atlánticas é un reto de carácter competitivo que consiste en tres probas de natación cun percorrido total de 57 quilómetros que se disputan en augas das Rías Baixas os tres próximos anos, entre 2022 e 2024. Este evento deportivo, organizado pola empresa Atlantic Extreme Sports é unha das citas máis importantes a nivel nacional.

A proba contou co patrocinio da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Concello de Baiona, Zoggs, Abanca, Gadis, M+Q España, o concesionario Móbil Auto e Arraianos Produccións. Colaboran tamén Powerade, Frutas Sol, Adegas Val Miñor, Parador de Turismo de Baiona, Iberia, Porto Deportivo de Baiona, Editorial Belagua e Clubnatacion.com, entre outros.