
Xa está en Baiona o groso de nadadores –son 160 deportistas de toda España, Portugal e Francia– que mañá sábado, 10 de setembro, disputarán en augas da ría de Vigo a travesía a nado Cíes-Baiona, a primeira proba da terceira edición da Triple Corona Illas Atlánticas 2022-2024, unha das travesías a nado máis duras e esixentes de España. A proba ten saída desde a praia de Rodas, en Cíes, e penétrase 15 quilómetros na ría, ata a meta situada na praia de Ribeira, en Baiona.
A previsión meteorolóxica anuncia un día con sol e nubes e temperaturas exteriores que poderían alcanzar os 25º, vento do suroeste de entre 2 e 3 nós, ondada cunha altura entre 1.5 e 2m e unha temperatura da auga ao redor de 18ºC.
De acordo cos plans da organización, Atlantic Extreme Sports, o pistoletazo de saída darase ás 09:15 horas na praia de Rodas nas illas Cíes, coa saída do primeiro grupo formado por 47 nadadores. Vinte minutos despois (09:35 horas) sairá o segundo con 48 nadadores. Ás 09:55, tomará a saída o terceiro grupo integrado por 37 nadadores; ás 10:15, o cuarto, con 27 nadadores e, por último, o quinto grupo, formado por 4 nadadores sairá ás 10:30. Calcúlase que o primeiro nadador en chegar –ou nadadora– culmine a proba en tres horas e media (chegaría a Ribeira ás dúas), pero estímase que o resto de participantes poidan prologar o seu esforzo durante catro ou cinco horas.
Durante a travesía están previstos tres avituallamentos, nos quilómetros 4 (á altura da illa Sur das Cíes), 8 (antes de chegar ás illas Estelas) e 12 (dentro da baía de Baiona), nos que os nadadores poderán comer e beber para repoñerse do esforzo. Tamén terán o último avituallamento en meta.
Do total de participantes, 142 son homes e 17 mulleres con idades comprendidas entre os 19 e os 64 anos, procedentes de 14 Comunidades Autónomas, Portugal e Francia. Deles, 9 nadarán sen neopreno (7 homes e 2 mulleres) e 10 nadadores aspiran a completar a súa terceira edición.
Entre os favoritos para gañar a proba destacan o catalán Sergio Torres e o arteixán Manuel Regueiro Picallo, na categoría masculina, e a asturiana Patricia Agüera, na categoría feminina. En total entregaranse premios aos tres primeiros clasificados da categoría masculina e feminina absoluta e sen neopreno.
Dispositivo de seguridade
Durante a travesía despregarase un forte dispositivo de seguridade, coordinado por Carlos Agra, integrado por 35 embarcacións, 45 kaiakistas, 7 pádel surf, 3 motos acuáticas e preto de 200 persoas en terra e mar. Haberá 2 médicos, 15 socorristas, 1 técnico en emerxencias sanitarias, un posto de Protección Civil do Val Miñor na meta na praia de Ribeira e unha ambulancia medicalizada.
Todos os nadadores levarán boia de seguridade e poderá seguirse en directo a proba a través da páxina web http://www.tracktherace.com.
A proba estará balizada con 6 boias desde Cíes ata Baiona e contarase con tres embarcacións do Monte Real Club de Yates de Baiona para o avituallamento dos nadadores. Os participantes terán que pasar polos tres avituallamentos (quilómetros 4, 8 e 12) nuns tempos límite marcados pola organización xa que parte do percorrido transcorre na canle de entrada da ría de Vigo (do 4 ao 8) e é necesario garantir o tráfico de embarcacións pola devandita canle.
Para velar pola seguridade dos nadadores a organización contará coa colaboración do Monte Real Club de Yates de Baiona, Escola Naval Militar de Marín, Gardacostas de Galicia, Búsqueda y Salvamento de Galicia, Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, Club Marítimo de Panxón, Protección Civil do Val Miñor, Garda Civil de Mar, Saphire Ladeira, Nordés Kaiak, Club Deportivo PescaCíes, entre outros.
Visita guiada ás illas Cíes e Baiona
Paralelamente á travesía celebraranse varias actividades como a visita guiada ás illas Cíes e a limpeza da praia de Rodas, en colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, na que participarán un total de 50 familiares e acompañantes dos nadadores procedentes de distintos puntos de España e estranxeiro.
Pola tarde, terá lugar unha visita guiada ao centro histórico de Baiona e a réplica da Carabela A Pinta, en colaboración coa Concellería de Turismo do Concello de Baiona á que asistirán preto de 40 persoas.
A travesía culminará coa entrega de premios no Hotel Baía de Baiona ás 21:00 horas e unha cea con degustación de produtos con denominación de orixe galega, grazas á colaboración da Consellería do Mar. Ao acto de entrega de premios asistirán o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez; o director xeral de Pesca de Galicia, Antonio Basanta; a Concelleira de Cultura e Deportes de Baiona, Miriam Mar Costas Iriarte, e representantes das empresas patrocinadoras e colaboradoras. Todos os nadadores que logren finalizar a proba recibirán unha distinción especial.
A proba conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Baiona, Zoggs, Abanca, Gadis, M+Q España, Móbil Auto Concesionarios e Arraianos Produccións. Colaboran tamén Powerade, Frutas Sol, Adegas Val Miñor, Parador de Turismo de Baiona, Iberia, Anfaco, Piratas de Nabia, Porto Deportivo de Baiona, Editorial Belagua, Clubnatacion.com e Tupana, entre outros.