
Alumnado da Escola Municipal de Pintura participará este venres nun dos dez obradoiros de debuxo urbano que se imparten en municipios socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade presidida polo Concello de Nigrán. A actividade desenvolverase en Praia América, concretamente no lugar da Fonte Seca, entre as 16:30 e as 20 horas. Esta iniciativa encádrase no proxecto europeo People & Planet, que busca involucrar á xente nova na loita contra o cambio climático, e pon en valor distintos espazos naturais que as e os artistas deben representar achegando a súa visión persoal, ao tempo que fomenta novas habilidades creativas para implicarse na procura do ben común.
A Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración “O garaxe hermético”, dirixida por Kiko da Silva, imparte esta actividade nos municipios da Laracha, Boiro, Burela, Carral, Fene, Laxe, Nigrán, Pontedeume, Ribeira e Santiago de Compostela. Nos obradoiros de “urban sketching” póñense en práctica as técnicas dun movemento creativo que se propón contar a realidade en primeira persoa a través do debuxo, celebrar a diversidade de miradas e compartilas cos demais. Un recurso expresivo que pon de relevo a capacidade de observación destas reporteiras e reporteiros visuais en relación coa temática abordada.
A composición da paisaxe, a perspectiva ou a luz son algúns dos aspectos técnicos que se tratan durante a xornada, de catro horas de duración, na que se ofrece un soporte personalizado e se empregan materiais sustentables. Ademais, a sesión comeza cunha explicación sobre o espazo seleccionado e remata cunha reflexión crítica arredor da conservación ambiental e do impacto causado polo ser humano. Por último, unha vez finalizados os dez obradoiros, as obras resultantes complementaranse cun texto literario escrito por Manuel Lourenzo González, dando lugar a un libro virtual que amplificará o obxectivo desta actividade na que se pon de relevo o potencial transformador da arte.
Os obradoiros de debuxo urbano forman parte dos Global GreenLabs que se levarán a cabo nos os oito estados membros da UE que participan no proxecto People & Planet, se ben cada un escolle a súa propia metodoloxía. Nestes “laboratorios” promóvese a reflexión-acción a través de pequenas actividades experienciais, que poden tomar diferentes formas pero nas que o nexo común é o traballo manual, que ademais permite xerar un produto tanxible ao remate. Trátase dun achegamento práctico que contribúe a fixar as aprendizaxes, a través dunha participación directa e interactiva que facilita a apropiación e, por tanto, a mobilización.