Nigrán substitúe as 12 luminarias do campo de fútbol de Vilariño por unhas novas de iluminación led

O Concello de Nigrán vén de substituír as 12 luminarias do campo de fútbol municipal de Poutón, onde xoga o Racing de Vilariño, por 16 novas de iluminación led por importe de 15.000 €. O obxectivo deste troco é mellorar a eficiencia enerxética e a calidade ambiental, xa que as antigas luminarias de vapor de sodio ocasionaban problemas ao sobrepasar o fin da súa vida útil, afectando ao seu rendemento, calidade e consumo e supoñendo isto un aumento das emisións de CO2. Neste sentido, o goberno de Nigrán considerou prioritario o troco neste espazo deportivo público que usan centos de rapaces do Racing de Vilariño.

“O cambio a LED supón un importante aforro enerxético e ofrece unha imaxe moderna no municipio”, indica Juan González, alcalde de Nigrán. De feito, a nova medida suporá reducir a potencia de consumo entre o 51% e o 80 %, ás 12 luminarias de sodio tiñan un consumo de 24.000 watios e as 16 LED que se acaban de instalar terán unha potencia máxima de 11.000 watios polo que a inversión é evidente. Ao mesmo tempo implica diminuír as costas de funcionamento das instalacións de iluminación pública e, sobre todo, permítelle ao Concello optimizar o gasto enerxético e de mantemento neste eido, xa que unha lámpada de vapor de sodio ten unha vida media útil de 12.000 horas e unha de LED entre 50.000 e 100.000 horas.