
A Garda Civil investiga penalmente ao propietario de dúas ovellas e unha cabra que supostamente faleceron por inanición no municipio de Gondomar. O Seprona atribúelle a presunta comisión dun delito de malos tratos animais.
As investigacións realizadas polo Equipo do Seprona da Garda Civil con base en Vigo, iniciáronse por mor dunha alerta recibida pola Policía Local de Gondomar, informando, en principio da sospeitosa morte de dúas ovellas nunha parroquia deste municipio.
As pescudas levaron aos efectivos do Seprona a inspeccionar o oco interior da escaleira exterior dunha vivenda, onde supostamente falecerían os animais. Ao examinar o interior da estancia, non só atoparon os cadáveres de dúas ovellas en avanzado estado de descomposición, se non que tamén detectaron os restos dun terceiro animal morto, concretamente un caprino en avanzado estado de momificación.
Persoal técnico do Servizo de Sanidade Animal da Xunta de Galicia compareceu no lugar para determinar as posibles causas das mortes, valorando a inanición como a hipótese máis probable.
A investigación concluíu coa identificación do propietario dos animais, un veciño de Gondomar de 51 anos, ao que se lle notificou a súa condición penal de investigado por un presunto de malos tratos animais. No seu descargo alegou que non puidera atendelos por motivos de saúde e que faleceron ao terminar a comida e a auga que lles deixaba.
As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Vigo, onde deberá comparecer cando sexa requirido pola autoridade xudicial.