O Partido Popular pide que a municipalización da auga de Vilaza se faga de maneira urxente

A voceira do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós, avoga porque a municipalización da auga de Vilaza se faga de xeito urxente e cos informes técnicos favorables que impidan que, como fixo Paco Ferreira no seu momento, sexa denunciado e declarado nulo de pleno dereito o acordo.

O Partido Popular agarda que a municipalización da Auga de Vilaza se resolva o antes posible, logo de que o pleno da Corporación Municipal de Gondomar celebrado este pasado xoves decidise deixar sobre a mesa a moción presentada polo Partido Popular de Gondomar na que presentaban ao pleno unha proposta de solución a este conflito. Foi no comezo do debate desta moción que propuña unha saída á conxestionada municipalización da auga de Vilaza, cando se desatou o debate sobre cal sería a mellor solución a este problema que se orixinou logo de que o actual alcalde Paco Ferreira declarase nulo en febreiro de 2016 o acordo de municipalización decretado polo anterior alcalde Fernando Guitián, tras a súa denuncia nada máis acceder á alcaldía.

Pois ben, a voceira do Partido Popular de Gondomar xa manifestou nese pleno, e o segue mantendo, que está disposta a apoiar a municipalización das Augas de Vilaza, sempre que se faga con sentido e cos informes favorables dos técnicos municipais, que eviten que se poida volver denunciar e declarar nulo, xa que volveríamos a estar na mesma situación.

Dende o Partido Popular de Gondomar desconfían da posición do alcalde Paco Ferreira e non entenden o motivo polo cal pide agora que se apoie de maneira unánime a súa proposta, que neste momento é descoñecida por todos os membros da oposición, cando tivo máis de seis anos para buscar unha solución definitiva. Teñen claro que si se tratase dunha solución dentro da lei, a decisión xa estaría tomada polo seu goberno que conta con maioría absoluta para poder decidilo sen ter en conta á oposición para nada, como ten feito ata o de agora. Lémbranlle que para a aprobación do Regulamento Orgánico Municipal, para facer peonil a Praza Rosalía de Castro ou para a aprobación do Regulamento do Punto Limpo non se acordou deste consenso que agora pide.

Non queren pensar que detrás desta argucia agóchase unha proposta fóra de lei e o que pretende é salvar as súas costas, cando tivo máis de seis anos para poder facer todo o procedemento de municipalización. Para iso van solicitar tamén a convocatoria da Comisión Informativa do Pleno, que é o órgano municipal que debe analizar as propostas que van a pleno, co fin de consensuar unha proposta conxunta para levar ao pleno de outubro, xa que aínda non recibiron convocatoria de reunión nin o acceso aos expedientes, como se acordara no pleno do pasado xoves. Paula Bouzós vai pedir a participación dos técnicos municipais que asesoren aos membros da comisión nas decisións que adopten e o acceso aos expedientes necesarios para deste xeito levar a pleno unha proposta concreta e cos informes técnicos favorables que garantan unha decisión positiva e definitiva a un problema que están sufrindo os veciños de Vilaza.