
O xoves 8 de setembro no Auditorio V Centenario de Baiona abrirase a segunda edición do festival “Baíña sen Idade” cos concertos de Antilia e Marcos Rodríguez, veciño de Baredo que triunfa dende hai anos en diversos musicais nacionais. Tamén participará o grupo de baile Paradela de Gondomar, que interpretará a canción de “Terra”, e o grupo Dando la Nota de Baredo.
Con este gran inicio o festival abre unha nova edición que terá actuacións para todas as idades e gustos. O venres 9 a partir das 20:00 horas na Capela de Santa Marta será a noite máis rockeira cos grupos da bisbarra Los del Barro, Seitura e Xente Tóxica. O sábado, á mesma hora e no mesmo lugar, actuarán Indiana e Metro Pop-Rock.
O domingo, tamén en Santa Marta, pecharase o festival con inchables para nenos, xogos e a música de Ardelume, Samuel Soto, Isidro Vidal, Roibén e 2harlequins. Haberá un posto de intercambio de libros, charla sobre a historia do espazo de Santa Marta e postos de artesanía, ademais de postos de comida e bebida.
O festival está organizado pola Asociación Centro Cultural e Social de Baíña coa colaboración do Concello de Baiona e a Deputación de Pontevedra.