Nigrán inicia a rexeneración do Monte de Santa Cruz en San Pedro para o desfrute da veciñanza

O Concello de Nigrán gañará no prazo dun mes unha zona verde en San Pedro, concretamente o coñecido como Monte de Santa Cruz, que se converterá nunha nova área forestal para o desfrute da veciñanza. En total, trátase de 8.000 m2 situados ao carón do coñecido como Monté Eiró ou Das Agullas (Parada), unha zona boscosa, composta nun 95% por pino do país, da que ata o de agora non estaba delimitada a propiedade.

“Queremos poñelo en valor como un atractivo natural máis de Nigrán porque ademais, polas súas características, permitirá gañar un gran miradoiro cara a costa”, indica o alcalde, Juan González, quen visitou a zona acompañado do edil de Medio Ambiente, Diego García, e a xefa da brigada forestal municipal de Nigrán, quen asumirá este traballo que onte se iniciou.

“Desde o 1 de abril a brigada estivo a traballar en labores de prevención de incendios forestais abrindo camiños no monte para o correcto acceso de vehículos de emerxencia en caso de necesidade, eliminando biomasa, rozando as contornas de vivendas en risco ou incluso limpando de forma subsidiaria leiras con expedientes sancionadores… Agora neste último mes estarán habilitando esta zona e, como non podería ser doutra maneira, están a disposición do GES en caso de incendio”, explica o alcalde, Juan González, en referencia á única brigada municipal de toda a comarca.

Segundo recolle o proxecto da enxeñeira forestal municipal, a primeira fase do traballo será a de realizar “clareos”, é dicir, eliminar todos os piñeiros de menos de 7 cm de altura. A segunda fase será protexer todas as árbores autóctonas da zona de sotobosque eliminando aquelas que lle dean sombra ou lle impidan medrar e; finalmente, na zona de miradoiro natural eliminaranse os piñeiros que impiden as vistas cara a fronte marítima e no seu lugar plantaranse especies autóctonas adaptadas a ese tipo de terreo, como poden ser os madroños.

“Queremos que sexa unha zona máis de desfrute da veciñanza, agora é practicamente inaccesible ao non ter ningún tipo de mantemento, pero nun mes será un novo pulmón verde para Nigrán como xa é Monteferro ou os Montes de Camos e Chandebrito”. Neste sentido, o Monte de Santa Cruz conta cunha gran pendente con vistas naturais cara a costa de Nigrán e Baiona en moitos puntos.