O Barbeira Season Fest cancela a xornada do domingo ante a posible entrada a Galicia do furacán Danielle

A organización do festival Barbeira Season Fest vén de tomar a decisión de cancelar a celebración da xornada de mañá domingo debido ás fortes rachas de vento que, segundo apuntan todas a informacións meteorolóxicas, provocará a entrada do furacán Danielle en Galicia.

O director do festival, Isaac González, explica que, ante esta ameaza, “está por riba de todo a seguridade do público, dos artistas, de todo o equipo humano que traballa nesta cuarta edición e, ao estar o recinto do festival emprazado no centro da vila, da propia veciñanza de Baiona”.

Para previr calquera tipo de incidencia provocada polos fortes ventos, esta mesma noite, ao remate dos concertos, comezará a desmontaxe dos elementos máis sensibles a este tipo de inclemencias meteorolóxicas.

Dende a organización informan de que a devolución das entradas diarias para asistir mañá domingo poderá solicitarse a través da tiqueteira.