Ferreira pide á oposición que se some á municipalización da auga de Vilaza

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, pide a toda a corporación aprobar no próximo pleno de outubro a municipalización da auga de Vilaza. “Ante situacións excepcionais e de urxencia como estas, hai que tomar medidas e acordos conxuntos igualmente excepcionais e urxentes, atendendo ao interese xeral e por responsabilidade política”.

O rexedor lembra que é de “extrema urxencia” racionalizar o seu consumo, o control da súa idoneidade, a necesidade de reparación de avarías existentes na rede que poñen en serio perigo o abastecemento no municipio, a falta de lecturas de contadores por consumo, a necesidade de substitución de contadores avariados, o control de fugas, a falta da cobranza do recibo, etc.

“Agravado todo iso por unha situación de prealerta por seca en todo o país e as posibles restricións na subministración, fan necesario a adopción dun acordo conxunto, urxente e necesario de municipalización da auga de Vilaza, para poder así, garantir a subministración igualitaria de auga en Gondomar”, conclúe Ferreira.