O ataque dun loro provoca a caída dun ciclista que resultou ferido en Nigrán

O ataque dun loro provoca a caída dun ciclista que resultou ferido en Nigrán. O ciclista foi asistido polos servizos sanitarios tras sufrir o ataque do animal, que xa actuara noutras ocasións.

Ás 19:30 horas da tarde de onte, un particular alertaba ao 112 Galicia da caída dun ciclista que precisaba atención médica no quilómetro 12 da PO-325, ao seu paso por Panxón, en Nigrán. O ferido atopábase tendido na estrada e non respondía aos intentos das persoas que acudiran a auxilialo nun primeiro momento. Ademais, seguindo as testemuñas directas do suceso, situadas detrás do accidentado no momento do ataque, descartouse calquera posibilidade de que houbera máis vehículos implicados.

Dende o 112 deuse aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que acudiu a asistir ao ferido e que confirmou que a ave xa atacara con anterioridade. Tamén se achegou ata o lugar unha patrulla da Garda Civil de Tráfico. Por outra banda, informouse á Policía Local de Nigrán, a Protección Civil de Val Miñor e aos servizos de mantemento da estrada.