Nigrán acolle o 10 e 11 de setembro o III Festival de Percusión Afrobasileira “Apertuke”

Nigrán acolle o 10 e 11 de setembro o III Festival de Percusión Afrobrasileira “Apertuke”, organizado pola Asociación de Percusionistas e Tamborileir@s APERTA coa colaboración do Concello de Nigrán e da Deputación de Pontevedra e que xa se realizara na localidade no 2019.

Durante dous días Panxón encherase de concertos, batucadas, obradoiros de percusión, obradoiros infantís, pasarrúas, circo e animación de rúa. Todas as actividades, agás o obradoiro de percusión, son de balde e terán lugar no complexo deportivo municipal “Dunas de Gaifar” en Panxón. No recinto haberá tamén barra, postos de comida e postos de artesanía. O obxectivo do Apertuke é ofrecer un evento próximo, igualitario, participativo, social, horizontal, aberto, educativo, respectuoso coas persoas e respectuoso co medio ambiente.

O sábado 10 pola mañá, Ana Morga coa colaboración de Myri López impartirá un obradoiro de percusión afrobrasileira (prezo: 20 €. Inscrición en http://www.apertuke.com) e Didier Díaz ofrecerá un obradoiro infantil de percusión con instrumentos reciclados.

Pola tarde será a quenda dos grupos de percusión coas actuacións das batucadas Bloquinho Aperta, Trópico de Grelos e Somdolilá, seguidas de Afroliada que ofrecerá un espectáculo que mestura tradición galega e ritmos africanos. Pajarito, presentará e animará a tarde cun espectáculo para peques e maiores, e Barafunda traerá espazo de xogos e animación infantil coa proposta de tres obradoiros.

Tras a cea, Rozadura abrirá as actuacións da noite e sorprenderá cun repertorio variado de estilos entre o Balkan, swing e folk con versións e temas propios. Shambaiala, será a batucada que fará bailar a continuación, e tras delas, será a quenda de Tandub, grupo que trae dende Ourense un proxecto que fusiona a música tradicional Gnawa (Norte de Marrocos, Tánxer) con outros xéneros como o reggae, o drum&bass ou a electrónica. Lakenobaila DJ será a encargada de pechar a xornada e faranos bailar ata quedar sen folgos.

A programación continuará o domingo 11 a partir das 13:00 horas, cun gran pasarrúas que percorrerá o paseo de Panxón con todos os participantes no obradoiro do sábado.