Baiona saca á rúa os seus produtos durante esta fin de semana

A iniciativa “Baiona en Vela”, evento posto en marcha entre a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA) e o Concello de Baiona, regresa á rúa Carabela Pinta tras o éxito da primeira edición, posta en marcha o pasado verán. Nesta ocasión trátase da “Edición Verán 2022”, que comeza hoxe venres, 2 de setembro, e que se celebrará durante toda esta fin de semana.

Desde ACEBA e o consistorio animaron ás empresas a participar no evento. Esta mañá tivo lugar a inauguración, na que participaron o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, o Presidente de ACEBA, Marcos Comesaña, o Xerente de ACEBA, Carlos Fernández, Enrique Núñez, Secretario Xeral da Federación de Comercio e Turismo de Pontevedra, así como os empresarios e empresarias locais participantes. O horario de atención ao público será de 10:00 a 22:00 horas.

A elección da Rúa Carabela Pinta débese ao seu ambiente agradable e seguro, onde se aproveitará unha das zonas peonís do Centro Comercial Aberto Baiona Real. Marcos Comesaña, Presidente da Asociación, indica que “desde ACEBA, buscamos que os comercios saquen á rúa os seus produtos coa intención de dinamizar e incentivar o comercio local durante estes días”.

Pola súa banda, o alcalde, Carlos Gómez Prado, destaca que “o apoio ao comercio é indispensable para o noso Concello. O sector comercial é un dos principais activos da economía do noso municipio. Por tanto, con iniciativas como esta pretendemos incentivar a compra a nivel local ademais dunha aposta clara pola economía circular”.

Entre as empresas participantes atópanse:

  • ATLEET
  • LOS TEJANOS
  • ÓPTICA REAL
  • SILVERMAN
  • TORNASOL
  • JOYERÍA TULA
  • PAPASOL
  • ECOADEGA
  • MERCERÍA LENCERÍA CORCHETE
  • MODA RAFIKY
  • 4ECO VAL MIÑOR
  • NAC COMPLEMENTOS
  • VN
  • NIÑATA
  • LALOLITA