Priegue celebra as festas do Bo Xesús da Paciencia

O Concello de Nigrán colabora coa Asociación de Veciños “A Irmandade” de Priegue, Comunidade de Montes e Centro Cultural e Recreativo “O Torreiro”, para poder levar a cabo as festas do Bo Xesús da Paciencia do 2 ao 4 de setembro. Así, o Concello contribúe a través do programa municipal “Música nas Parroquias” coa actuación da Orquestra Camelot, a Banda de Música do Val Miñor e a verbena do sábado con D’Líder e Cristian.

Os festexos comezarán o venres 2 coa misa ás 20:00 na honra de San Mamede e verbena co grupo local Three Roosters, Komoayer e Orquestra Camelot. Ao día seguinte a Misa e procesión serán na honra da Virxe do Carme ás 12:00 horas e a verbena con D’Líder e Cristian. Xa o domingo, día grande, ás 12:00 do mediodía será a Misa Maior do Bo Xesús da Paciencia con procesión acompañada da Banda de Música do Val Miñor e posterior concerto. A verbena correrá a cargo de Sabor Latino. O luns 5 ás 12:00 será a Misa de San Antonio e, durante todo o día, as atraccións serán a metade de prezo (o domingo de 18:30 a 20:30 serán gratis para toda a cativada).

Con estas festas, o Concello de Nigrán remata este ano o seu programa “Música nas Parroquias”, nacido hai tres anos para apoiar as festas patronais do municipio, moitas delas organizadas ao 100% desde o consistorio ao non terse constituído comisións. O Concello investiu neste 2022 a través de “Música nas Parroquias” máis de 60.000 €, destes cartos, a Deputación de Pontevedra achegou 10.000 € a través da Liña 2 do Plan Concellos.

“Iniciamos este programa co Covid-19 para poder manter as festas pese a ausencia de comisións organizadoras e apostamos pola súa permanencia para garantir a pervivencia das mesmas porque son os verdadeiros días de celebración conxunta da veciñanza e de ledicia en cada parroquia”, resume o alcalde, Juan González.