O Concello de Baiona informa que dende a Concellería de Emprego e Educación en colaboración co Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo-A Guarda vai realizar unha Xornada Informativa e de Orientación sobre o Sector do Mar para o vindeiro 30 de setembro en horario de 10:00 a 11:30 no Centro Multiusos Ángel Bedriñana situado na Rúa Carabela Pinta.
En dita xornada preténdese ofrecer unha visión ampla e en detalle, dende un punto de vista técnico e profesional, sobre as oportunidades e nicho de traballo existentes no sector do mar aos que poderían acceder aquelas persoas desempregadas do territorio que, quizais descoñezan esta información ou non a coñezan polo miúdo.
Os obxectivos concretos son:
- Dar a coñecer as saídas profesionais no sector do mar, sobre todo as relacionadas con oficios propios do mar e aquelas para as que non son precisos nin requisito ter unha titulación académica específica, como un Ciclo de Formación Profesional ou un Grao Universitario.
- Poñer en valor os postos de traballo do sector primario do mar e outros vencellados que poden dar cabida a persoas en situación de desemprego.
- Achegar información sobre como e onde conseguir certos carnés ou títulos para acceder un posto/oficio no sector da pesca (pesca ou marisqueo).
Aquelas persoas interesadas deberán cubrir a instancia dispoñible na páxina web do Concello de Baiona. É necesaria presentala no rexistro do Concello ou enviala ao mail tecnico.emprego@baiona.gal. Máis información no teléfono 986 35 64 10 ou no mail tecnico.emprego@baiona.gal.

