Gondomar continúa coa súa programación cultural de verán

Esta fin de semana Gondomar volverá encherse de cultura, de música e de danza. Así, e dentro da programación cultural “Gondocultura Verán 2022” hoxe venres ás 22:00 horas a Praza Paradela acolle a actuación da banda “Tabikón”, co seu son “hardrock”.

Mañá sábado haberá sesión dobre. Ás 21:00 horas nas pistas do CDL (As Cercas) o cantautor gondomareño Rubén de Lis fai parada na súa vila dentro da súa “Volta a Galicia en 6 cordas”. Ás 22:00 horas no mesmo escenario será a quenda de Cristian co seu espectáculo de música, humor e danza “Humor & Flameno”, no que este recoñecido artista estará acompañado dun elenco de artistas, amigos e bailaríns e bailarinas das academias de baile de Gondomar.

Para rematar a fin de semana, o domingo a partir das 20:30 horas na Praza Paradela poderase desfrutar da banda “Bardos do Rock”, que farán un tributo aos mellores cantautores.