Premio Nacional de Vela para as campioas do mundo María Perelló e Marta Cardona

As bicampioas do mundo María Perelló e Marta Cardona recibirán, o próximo 3 de setembro en Galicia, o Premio Nacional de Vela á mellor tripulación de vela lixeira. Con apenas 17 anos, as mallorquinas serán distinguidas polos éxitos obtidos en 2021, o seu primeiro ano competindo xuntas, no que lograron colgarse ao pescozo as medallas de ouro do Mundial e o Europeo da clase 420. Eran os primeiros triunfos conxuntos dunha tripulación que un ano despois, neste 2022, seguiu dando guerra e proclamouse campioa do Youth Sailing World Championship, o mundial de vela xuvenil; e subcampioa do mundo de 420.

“Recibir o Premio Nacional de Vela é o broche de ouro a un gran ano e toda unha honra” di María Perelló, quen ve o galardón como “un recoñecemento ao esforzo e a dedicación, non só miña -di- senón tamén de todo o equipo que me axudou e acompañou durante estes anos”. Uns anos nos que esta nova regatista logrou facer historia na clase Optimist, ao proclamarse campioa do mundo durante tres anos consecutivos, establecendo un récord non logrado por ningunha muller ata o momento.

E así, sendo tricampioa do mundo, Perelló decidiu dicirlle adeus á embarcación coa que empezou a amar o mundo da vela e dar o salto ao 420 da man da súa amiga Marta Cardona, á que o Optimist xa se lle empezaba a quedar pequeno. Xuntas empezaron a traballar os seus novos postos e responsabilidades, e a pensar como equipo, e os resultados non tardaron demasiado en chegar.

“Navegar con María, que ademais de compañeira é amiga, e alcanzar todo o que conseguimos xuntas, é un soño do que non quero espertar” recoñece Marta Cardona. “O Premio Nacional de Vela é unha nova motivación para seguir traballando para alcanzar novas metas”.

Perelló e Cardona recibirán o galardón que as recoñece como mellor tripulación de vela lixeira o próximo 3 de setembro en Baiona, no marco da gala dos Premios Nacionais de Vela, organizada polo Monte Real Club de Yates co patrocinio de Adegas Terras Gauda.