Ante a falta de choiva a situación do encoro Alcalde Pérez-Lorente (Zamáns), que fornece auga á totalidade do Concello de Nigrán, levou á formación local de Podemos a mostrar a súa preocupación e por tanto, a poñer sobre a mesa a necesidade de elaborar un plan de acción municipal de risco de seca.
O pasado día 10 de agosto realizouse unha reunión para avaliar a situación dos recursos hídricos da zona, na que, segundo fontes da Xunta, a pesar de estar convocados, non acudiu ningún representante do Concello de Nigrán. Desde Podemos Nigrán consideran que a decisión de ausentarse a esta convocatoria, mostra unha vez máis a desidia deste goberno en temas de relevancia para o benestar da cidadanía.
O grupo político local solicita ao Goberno Local a confección dun plan de emerxencia por seca, unha ferramenta fundamental para non “improvisar” nun contexto de escaseza de auga, que recompile e ordene a información básica sobre a situación do encoro, a valoración de dispoñibilidades de recursos, establecer estados de risco e activar medidas especiais para mitigar os efectos da seca.

