Nigrán insiste en reclamar á Xunta a desafección da casa dos mestres de Camos

O Concello de Nigrán lamenta que a Xunta presuma dun investimento de 8 millóns de euros para rehabilitar casas de mestres en toda Galicia mentres, pese ás diferentes reclamacións, mantén a de Balinfra (Camos) adxudicada a unha docente de fóra da parroquia que hai anos non reside aí. Por este motivo, goberno local e veciñanza urxen novamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e á Consellería de Educación, a que outorgue a súa desafección para poder recuperala para un uso público, tal e como se fixo coa súa xemelga no 2017.

“Este anuncio en prensa da Xunta resulta especialmente paradoxal e hipócrita porque levamos anos solicitándoa formalmente e mesmo mediante resolución plenaria e a resposta sempre é que non poden realizar a desafección porque está adxudicada a unha docente pese a propia testemuña dos veciños e aos nosos informes periciais exhaustivos certificando que está desocupada”, explica o alcalde, Juan González, quen incluso levou o asunto á Mesa do Parlamento de Galicia a través do grupo parlamentario socialista. De feito, un novo informe do Concello de marzo deste ano acredita o seu abandono mediante datos de consumo eléctrico e de fotos de diferentes días da posición das persianas ou da proliferación de maleza na leira. “Sabemos que esta docente quere manter a adxudicación da casa pero é unha inxustiza porque a realidade é que non reside aí desde hai xa moitos anos mentres que o Concello a podería estar empregando para un fin social”, sinala González, quen explica que, ademais, “estas casas foron construídas grazas aos emigrantes da parroquia”.

“Temos sobre a mesa necesidades reais para empregala temporalmente como vivenda de emerxencia, un dos fins sociais que podería cubrir e non podemos por esta situación rocambolesca”, recalca o alcalde, Juan González, quen lamenta esta despreocupación da Xunta por un inmoble en desuso. “É de xustiza que o Concello poida dispoñer dela porque se atopa nun estado de abandono que prexudica ao propio inmoble”, xustifica González, quen reitera a súa vontade de rehabilitala.

Neste recinto de Balinfra o Concello de Nigrán si dispón desde 2015 das antigas escolas infantís asociadas ás dúas casas (empregadas, entre outras cousas, para clases de pintura ou local de ensaio das pandereteiras de Camos) e desde 2017 dunha destas dúas casas, restando só a desafección educativa da segunda en cuestión. A edificación completa foi construída hai máis dun século para fogar dos profesores de Camos e consta dun volume de 339 metros cadrados dividido en dúas vivendas pareadas (números 43 e 45). Cada unha conta con 80 metros cadrados de planta, dous pisos e xardín nunha parcela municipal de 2.789 metros cadrados acondicionada como parque infantil.

“A vivenda é un dereito básico das persoas que contribúe á súa integración social e calidade de vida, é moi importante que Nigrán conte con esta casa en desuso”, reitera o rexedor, quen incide en que, precisamente, o único “parche” do recinto de Balinfra é esta casa abandonada.