Donas celebra as festas do Doce Nome de Xesús

A parroquia gondomareña de Donas celebra esta fin de semana as festas na honra do Doce Nome de Xesús. O programa previsto comezará o sábado 27 de agosto ás 17:00 horas cunha festa infantil con inchables gratuítos para os nenos. Ás 19:30 horas actuará a Asociación Folclórica Santa Baia de Donas na Igrexa, e pola noite, a partir das 22:00 horas, o grupo Kamelot e o dúo Reflejos amenizarán a verbena.

O domingo día 28 ás 10:30 da mañá a Agrupación Musical de Belesar ofrecerá un pasarrúas en San Cibrán. Ás 11:30 horas haberá un pequeno concerto na Igrexa de Donas, e ás 13:00 horas celebrarase a Misa Solemne na honra do Doce Nome de Xesús, cantada pola coral polifónica Santa Eulalia de Donas con posterior procesión acompañada pola mesma banda. Pola noite, a verbena estará amenizada polo trío Azar e a orquestra Alabama.

O luns 29 de agosto ás 19:30 horas haberá un pasarrúas da charanga Nova Cubana. Ás 20:00 horas celebrarase unha Misa Solemne na honra da Virxe das Dores, con posterior procesión acompañada pola mesma charanga. A partir das 22:00 horas, a orquestra Saudade será a encargada de amenizar a verbena.