Eurochef marida produtos e cociñas de Romanía e de Galicia

O proxecto Eurochef continúa afianzando a súa cooperación transnacional. Nesta ocasión, foi unha delegación formada por membros de Eurural e do GDR Terras de Pontevedra Norte, quen puxo rumbo a Romanía para intercambiar experiencias e ideas cos seus socios do Grupul de Actiune Locala Bucovina de Munte.

O venres 12 tivo lugar no Concello de Fundu Moldovei, no condado de Suceava, unha reunión oficial das delegacións galega e romanesa implicadas no proxecto Eurochef. Estiveron presentes: o presidente do GAL Bucovina de Munte, Nelu Ivanciuc, o alcalde do municipio de Fundu Moldovei, Tudor Zdrob, os vicepresidentes e representantes dos Concellos socios do GAL Bucovina de Munte.

O sábado 13, os chefs Iván Méndez e Alina Macovei-tcaciuc elaboraron, xunto ao equipo do proxecto, unha cea benéfica no restaurante romanés A Bistro a favor dunha organización local que traballa atendendo a persoas que o precisan. Tras a cea tivo lugar unha subasta benéfica de produtos dos territorios de Eurural e GDR Terras de Pontevedra Norte. O capital recaudado permitirá que 25 persoas maiores accedan a alimentación e medicamentos durante dous meses.

Na xornada do domingo 14 de agosto, recoñecidos chefs de Bucovina de Munte e dos dous territorios galegos fixeron demostracións culinarias na comuna de Sadova.

As actividades deste intercambio enmárcanse dentro do proxecto Eurochef, unha iniciativa que, ademais de fusionar gastronomías e promocionar os produtos de cada territorio, busca intercambiar experiencias, fomentar o turismo gastronómico e crear novos mercados noutros países.

O proxecto Eurochef conta cun orzamento de 300.000 euros, dos que os grupos de desenvolvemento galegos achegan 112.000 euros financiados ao 90% pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural, dentro da medida 19.3 de cooperación a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader.