Gustavo Santiago e Eva Piñel gañan a trixésimo sétima “Andar e Correr”

Baiona celebrou este domingo a trixésimo sétima edición da popular carreira “Andar e Correr”. Nesta edición participaron máis de 1.000 atletas repartidos nas categorías benxamín, alevín, prebenxamín, chupete e absoluta, o que fai do evento unha auténtica festa do deporte que cada ano consegue fidelizar a novos adeptos a tan carismático percorrido.

Unha carreira que ten como epicentro de saída das distintas categorías o Parque da Palma e que no seu percorrido máis longo de 10 quilómetros transcorre polo Camiño Portugués pola Costa. Os atletas pasan por monumentos emblemáticos como o Cruceiro da Santísima Trindade, Santa Liberata, subida de San Antón, miradoiro de Baredo, regresando polo Rompeolas ao emblemático parque baionés.

Na carreira todo o mundo ten cabida, os moitos veciños e seguidores dos atletas fai do seu sufrimento un auténtico espectáculo deportivo, que acompañado dos moitos servizos paralelos que ofrece a organización, convértena nun auténtico escaparate de cores e xentes. Ademais, atopámonos cunha carreira onde se conxugan dous perfís de participantes moi definidos, por unha banda, a maioría que acode a desfrutar, e polo outro, auténticos deportistas de moito nivel.

Gustavo Santiago Fernández foi o primeiro en cruzar a meta cun tempo de 31:39, proclamándose campión absoluto da proba. A primeira muller en completar os 10 quilómetros de percorrido foi Eva Piñel, en 37:55. Daniel Pazó Giráldez foi o primeiro baionés en cruzar a liña de meta cun tempo de 35:02, mentres que Estela Fernández Goce foi a primeira baionesa, cun tempo de 46:48.

CLASIFICACIÓNS


El pase de diapositivas requiere JavaScript.