Nigrán estrea o festival Sons D’Ardora dedicado á música de vangarda con raíz galega ou lusófona

O Concello de Nigrán estrea o 26 de agosto en Praia América un novo festival: Sons D’Ardora, dedicado a música máis vangardista dentro da tradición galega e lusófona. Así, a partir das 18:00 horas e ata ás 22:30 horas subirán ao escenario do campo de fútbol de Lourido Aparato, Mónica de Nut e Virxilio Da Silva, María Soa, Sekadra, Marta Sempre Arriba, Jara Ortiz, Tropical Boy e Dimi Ferreira. A actriz e monologuista galega Arantxa Treus presentará este evento gratuíto que nace coa intención de promover a música de raíz que bebe da modernidade. Será un festival inclusivo no que as mochilas vibratorias do Concello estarán a disposición de toda aquela persoa xorda que as solicite a través do mail info@entresignos.com ou no WhatsApp 690679675. No festival colabora a Deputación de Pontevedra e, como empresas privadas do municipio Rodosa, Prado Surf e La Abadía Mesón Restaurante.

“Sons D’ardora está dedicado a un tipo de música diferente á que pode cubrir Chandefolk, Nigranjazz ou Vive Nigrán, por iso ofrecemos esta proposta con entusiasmo, porque sabemos que a música tradicional de fusión ten un público ao que queremos atender”, explica o alcalde, Juan González, quen alude neste sentido ao éxito das Tanxugueiras. “En Galicia somos actualmente unha potencia a nivel mundial neste tipo de música, por iso consideramos que facía falla este festival específico orientado a todo tipo de públicos”, explican desde a promotora Sons D’Ardora. Con este espírito, o festival dispoñerá de food-trucks e zona de mercado e para os máis cativos programa “Marta Sempre Arriba” cun espectáculo circense e Jara Ortiz cun contacontos.