O Barbeira Season Fest reparte escenarios por toda Baiona e elixe a Palma como centro neurálxico

FOTO: MATEO H. SOTO // Presentación do Barbeira Season Fest.

Hoxe presentouse en Baiona a cuarta edición do Barbeira Season Fest que se celebrará na localidade do 31 de agosto ao 4 de setembro. Nesta cuarta edición, a máis completa en programación das que se levan celebrado ata o de agora, máis de 20 grupos subiranse a distintos escenarios que se repartirán por toda Baiona e o parque da Palma, escollido como centro neurálxico do festival.

Á presentación oficial do festival acudiron hoxe a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, o director do Festival e responsable das empresas promotoras Recados Carmen e Elemental Street, Isaac González, o director artístico do Barbeira Season Fest, o músico Pablo Novoa, e Anxela Baltar, vocalista de Bala. Tamén estivo presente Rubén Vázquez Gallo, xestor de Mahou San Miguel, principal patrocinador privado do evento, e representantes das empresas Fontecelta ou Alma Atlántica, colaboradores do festival.

Durante a súa intervención, Fernández Tapias destacou que o “Barbeira Season Fest é un exemplo de como se deben facer as cousas, por iso temos a obriga de apoiar a un festival que medra en todos os aspectos e que se leva a cabo nun dos lugares máis bonitos e históricos do trazado do Camiño Xacobeo Portugués”. Pola súa banda, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, sinalou que “apostamos desde o principio por este festival porque os seus organizadores apostaron desde o principio por Baiona”. “É un festival que marca a diferenza e esta edición convérteo xa en grande”, finalizou.

Pola súa banda, o director artístico do Festival, o músico Pablo Novoa, falou do Barbeira Season Fest como “un festival especial e único que mira aos catro puntos cardinais: hai bandas galegas, do resto de España, de Portugal e, para a próxima edición, temos posta xa a mirada en hispanoamérica”. Tamén estaba presente Anxela Baltar, guitarra e vocalista do grupo “Bala”, que falou da importancia de participar nun cartel “con bandas ás que admiramos tanto” e que, sobre todo, “aposta pola presenza das mulleres no escenario”. “É un dos carteis máis paritarios que vimos en Galicia e España”, sinalou.

O programa

O mércores 31 o Barbeira arrancará con contidos sorpresa, a modo de presentación. O xoves día 1 subirase ao escenario León Benavente, Carolina Durante, Bala, Anabel Lee e Señora DJ. O venres día 2, terá lugar o Concerto Vibra Mahou de Depedro e, ademais, será a quenda de La Habitación Roja, Morreo, Diamante Negro, Emilia, Pardo y Bazán e DJ Moderno.

Para o sábado 3, a organización programou un dos días máis completos con Zahara, Maika Makovski, a portuguesa Capicúa e as bandas emerxentes, Cora Yako, Miniño, Estrela Fugaz, Tú peleas como unha vaca, Marta Movidas, DJ Moderno e EME DJ.

O domingo día 4, para pechar esta edición, celebrarase a “Romaría Punk”, comisariada por Rei Zentolo, cunha selección de grupos galegos entre os que se atopa Triángulo de Amor Bizarro.

Ademais, o director do Barbeira Season Fest, Isaac González, avanzou que a programación musical completarase con outras alternativas como actividades náuticas (bautismo de Pádel Surf e Kaiak), o ciclo de conferencias “Charlas en chanclas”, nas que coñecidos escritores falarán da súa relación coa música ou responsables de marcas falarán da importancia dos festivais para o seu visibilidade.

Venda de entradas

As entradas pódense comprar na súa web tanto por dia como o abono para gozar da “experiencia Barbeira” na súa totalidade. Ademais, todas as persoas usuarias do Carné Xove poderán comprar as entradas ao Barbeira Season Fest cun 15% de desconto. O Barbeira Season Fest conta co patrocinio da Xunta de Galicia, no marco do Xacobeo 21-22, e a colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Baiona e Vibra Mahou.