O proxecto de vela feminina “Queremos facer historia”, Premio Nacional de Vela

O proxecto de vela feminina “Queremos facer historia” foi distinguido este ano cun dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda. A iniciativa impulsada e liderada pola regatista alacantina Núria Sánchez e materializada no equipo Dorsia Covirán Sailing Team, recibirá o galardón nunha gala que se celebrará o próximo 3 de setembro no Monte Real Club de Yates de Baiona.

O xurado que outorga as distincións quixo recoñecer co premio ao Mellor Proxecto Feminino o traballo de difusión e impulso que o equipo está a dar, a través das súas múltiples e diferentes accións, á figura da muller no mundo da vela; así como aos valores de igualdade e deportividade.

Do equipo, que se formou en 2019, navega baixo a grímpola da Mariña Burriananova (Castelló) e compite na clase J80, forman parte Nuria Sánchez, a dobre medallista olímpica Natalia Via-Dufresne, a tamén olímpica Susana Romero, María Torcida, Mar Gil e Martina Ruigómez.

Nos últimos anos convertéronse nun claro referente da vela feminina en España, froito de acumular algúns dos máis prestixiosos trofeos, como o subcampionato do mundo, a Copa do Rei de Vela na categoría feminina, o Campionato de España feminino de J80, a International Women’s Sailing Cup ou a Liga Feminina de Vela, entre outros.

Na súa última visita a Baiona, onde o próximo 3 de setembro recollerán o Premio Nacional de Vela, as mozas do Dorsia Covirán alzáronse coa vitoria do Trofeo Príncipe de Asturias, título que tratarán de revalidar nesta nova edición.