Ferreira urxe a constitución dunha nova directiva do servizo de auga de Vilaza para axilizar a súa municipalización

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Paco Ferreira na alcaldía.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, celebra que os abonados da traída privada de auga e veciños de Vilaza presenten os seus escritos asinados pedindo a municipalización do servizo, que o Concello tramita con moitas dificultades por falta de Directiva de usuarios e titulares da rede privada, o que fai que non exista ningún interlocutor ante a administración para axilizar os trámites, ou que ordene á empresa Espina & Delfín a reposición de contadores avariados (máis de 40), lectura periódica dos mesmos e ordene a cobranza de recibos por consumo, algo que o Concello non pode facer por non ser o titular da rede de auga.

De entre os comuneiros e veciños que mostren o seu interese en axilizar a municipalización a través dos seus escritos, o alcalde pide que se reúnan e que se constitúan nunha nova Directiva e así poidan, xunto co Concello, axilizar a tramitación e cobrar os consumos, facer reparacións, ler contadores, e mesmo estudar novas altas ordenando á empresa encargada do servizo as directrices para seguir ata a municipalización do servizo. “Desta maneira, a empresa podería resarcir a débeda de máis de 20.000 euros que os usuarios lle deben de antes de disolverse a anterior, así como outros gastos do servizo desde esa data ata a actual, e tamén poder retirar e poder cancelar a conta corrente existente en Abanca a nome da Directiva anterior”, afirma Ferreira.

“De entre os peticionarios da municipalización do servizo, cos que me reunirei, ten que saír unha Directiva nova e interina que represente aos comuneiros e que xunto co Concello chegue canto antes á municipalización do servizo, algo que como alcalde celebro e agradezo que os veciños entenden que é hora de dar un paso á fronte e constituír unha Directiva que se faga cargo da xestión ata a súa municipalización”, conclúe o alcalde.