Cristian presenta o seu espectáculo “Humor&Flamenco” en Gondomar

O Concello de Gondomar ofrece este luns 15 de agosto ás 22:30 horas nas Pistas do CDL a actuación de Cristian “Humor&Flamenco”, un espectáculo que é un puro show de variedades acompañado de música flamenca, baile, transformismo e moito humor. Cristian será o gran protagonista deste espectáculo que conta tamén co ballet “Flamenkeando” capitaneado pola compañía de María Rial e o artista invitado Rubén de Sá.

Como sempre, o vestiario, as perrucas, a bixutería, as caracterizacións espectaculares e a maquillaxe xogarán un papel importantísimo. “Trátase dun show gamberro que rompe coas normas e supera o corrente, ademais de eliminar o cabreo, a irritación e o mal humor”, resume o propio Cristian. Participarán tamén no espectáculo as academias de danza de Gondomar DanArte, L’Danzia e Paradela.