Un total de 655 atletas disputarán este sábado a carreira pola praia Nigrán Area

Un total de 655 atletas disputarán este sábado 13 de agosto a 11 edición da Nigrán Area, carreira popular de atletismo pola praia que é xa un referente da programación estival e deportiva na comarca. A proba, con 279 inscritos na categoría Absoluta, está organizada polo Concello de Nigrán e a Sociedade Atlética Val Miñor, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, Federación Galega de Atletismo e Deporte Galego. A competición retoma a normalidade pre-pandemia tras non celebrarse no ano 2020 e realizarse baixo medidas de seguridade Covid no 2021.

O evento deportivo arranca ás 10:00 horas e está aberto a todas as categorías, tendo saída desde Panxón. Os sub 16 percorrerán 2 km, os sub 14 farán 1500 m, os sub 12 un quilómetro, os sub 10 percorrerán 500 metros, os sub 8 farán 300 metros e os máis pequenos farán 100 metros de xeito simbólico.

O percorrido para a proba absoluta son 6 km do areal de Panxón-Praia América cando a marea está baixa. A proba conta coa supervisión da Federación Galega de Atletismo. Contará con avituallamento ao remate, servizo de ambulancia, seguro de responsabilidade civil e seguro de accidente deportivo para os participantes.

As inscricións poden realizarse tamén a través da web da FGA dedicada ás carreiras populares http://www.carreirasgalegas.com (acceder a través da sección calendario).