Inscricións abertas para a sexta andaina nocturna “O Camiño do Terror” de Parada

O Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor, contando coa colaboración do Concello de Nigrán e a Deputación de Pontevedra, organiza por sexto ano “O Camiño do Terror”, unha andaina polo Monte Castelo onde haberá escenas de terror, espectáculo e chocolatada ao finalizar o percorrido. Terá lugar os días 26 e 27 de agosto con saída desde o campo de futbito de Parada ás 22:30 horas.

Os interesados en participar poden anotarse no teléfono 628 986 597, chamando ou mandando un WhatsApp, ou no correo electrónico centroculturalparadaminor@gmail.com. O prezo da inscrición é de 6 euros e inclúe chocolatada. Tamén haberá bocadillos e servizo de cantina. É necesario acudir con roupa e calzado cómodo e algunha lanterna.

Todo empezou no 2015 cando un grupo de amigos do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor e o Grupo de Baile Breogán Valle Miñor, coa axuda do Concello de Nigrán, decidiron xuntarse para realizar esta andaina sen saber que ía ter tan boas expectativas no primeiro ano. Xa nas dúas seguintes edicións chegaron a reunir case mil persoas en dous días.