Podemos reclama á Deputación que xestione de forma directa o GES do Val Miñor

Ante a deficiente xestión do servizo de emerxencias supramunicipal por parte da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, Podemos require a intervención da Deputación de Pontevedra nun escrito presentado por rexistro á atención da Presidenta, Carmela Silva. No requirimento alegan a falta de compromiso dos Alcaldes do Val Miñor na súa función como Presidentes da Mancomunidade e a inacción ante as dificultades que se presentan no GES, poñendo en serio risco á cidadanía e ao propio equipo de traballadores/as.

Na actualidade existen 5 efectivos de baixa, dos 14 que forman o persoal, que non están a ser cubertos, como consecuencia tan só existe un profesional por quenda para garantir a seguridade dunha masa poboacional de 45.200 habitantes, que se incrementa notablemente nos meses de verán. A esta xestión cuestionable, engádeselle medios de traballo en estado defectuoso, a falta dun réxime disciplinario interno ou incluso a falta dun plan de seguridade na propia sede do GES.

A formación morada tamén lembra á Administración Provincial que é da súa competencia a xestión de emerxencias, e o dereito da cidadanía para esixir responsabilidade patrimonial de producirse danos persoais ou materiais como consecuencia do funcionamento normal ou anormal dos servizos públicos en canto non se cumpra o estipulado no convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e a Deputación Provincial de Pontevedra, en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES).