Baiona recoñece a Urbano Montaña “Banu” como membro da Danza das Espadas

Este domingo celebrouse no Parque da Palma a habitual homenaxe a un ex compoñente da tradicional Danza as Espadas de Baiona. Nesta ocasión, foi recoñecido Urbano Montaña Leyenda “Banu”. Despois da actuación da Asociación Folclórica “Vila de Baiona”, acompañada pola Asociación Cultural “A Seneira” de Baiona, recibiu unha placa conmemorativa de man do alcalde, Carlos Gómez, do capitán e o rabeiro da Danza das Espadas, Jaime Costas Pereira e José Manuel Míguez, e do seu sobriño, Bernardo Montaña, por todos estes anos de dedicación e entrega desinteresada como membro integrante dunha das danzas brancas máis antigas de Galicia, pertencente ao gremio de mareantes.

Urbano Montaña Leyenda “Banu” naceu o 8 de decembro de 1965. Comezou a bailar a Danza das Espadas de Baiona á idade de 12 anos da man do seu avó Eulogio Leyenda, que o introduciu nesta fermosa tradición, cumprindo unha vez máis, coa transmisión do legado entre avós, pais e fillos deste costume mariñeiro baionés. Actualmente bailan a Danza das Espadas de Baiona o seu curmán Mino Lenda e os seus sobriños Bernardo Montaña e Javier Galbón.

Este ano e despois de dous veráns fin festas, o Concello de Baiona retomou así a tradición e costume nas celebracións da Anunciada de homenaxear a un compoñente integrante da Danza das Espadas que deixa a formación e dá paso a xeracións futuras, sendo a súa última actuación coa Danza o pasado 17 de xullo con motivo da festividade da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros. Para finalizar o acto, os integrantes da Danza das Espadas realizaron o tradicional baile, acompañados pola charanga Nova Cubana, especialmente dedicado ao homenaxeado.



El pase de diapositivas requiere JavaScript.