Baiona abre o punto lila “Caravana Morada” na Festas Patronais da Anunciada

A Concelleira de igualdade, Yasmina Moreira Costas, informa de que “A Caravana Morada” está instalada no Paseo Ribeira, o venres, 5 de agosto, e o sábado, 6 de agosto, e que terá un horario de apertura dende as 20:00 ás 04:00 horas para dar servizo nas festas patronais da Anunciada.

A caravana do punto lila estará atendida por un equipo técnico especializado en previr e orientar na loita contra a violencia de xénero, integrado por dúas profesionais expertas en violencia de xénero: unha psicóloga xurídica/criminóloga especializada en atención de vítimas de delitos sexuais e unha psicóloga axente de igualdade (Máster en Psicoloxía do Traballo xurídico-forense e intervención social).

Ambas asistirán e asesorarán ás mulleres que así o necesiten e informarán sobre os recursos dispoñibles a nivel local, comarcal, autonómico e nacional. Así mesmo, ofrecerase un servizo de prevención, información e acompañamento á violencia de xénero. O obxectivo do punto lila é por unha banda concienciar e visibilizar o compromiso social e rexeitamento comunitario das violencias informando sobre os recursos dispoñibles contra a violencia de xénero e por outra parte ofrecer atención técnica, psicolóxica e de coordinación.

O punto lila “Caravana Morada” está financiado con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade a través da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.