Simulacro de rescate de golfiño na microrreserva das dunas de Lourido

O proxecto “Microrreservas de Playa” financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación e polo Concello de Nigrán continúa este sábado 6 de agosto ás 11:00 cos seus obradoiros na zona dunar de Lourido. Nesta ocasión, a CEMMA, a Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños, ensinará mediante un simulacro o que facer en caso de toparnos cun cetáceo varado. Aínda que se pode inscribir ese mesmo día na praia, pódese reservar praza mediante un correo a info@microrreservasdeplaya.com co nome das persoas que queren participar (importante traer bañador).

Concurso fotográfico

Enmarcado tamén no proxecto Microrreservas de Praia, que ten como obxectivo recuperar as dunas de Lourido en Praia América e dar a coñecer a importancia das nosas praias a través da divulgación científica, está aberto ata o 15 de agosto o prazo para participar no Concurso de Fotografía “Natureza e vida nas dunas de Praia América”. O obxectivo é poñer en valor a natureza das nosas praias, facendo especial fincapé nos ecosistemas dunares, zonas especialmente fráxiles que ao longo deste proxecto tiveron como protagonistas ás Dunas de Lourido, en Praia América. No concurso poden participar pequenos e maiores e se establecen 3 premios de 150 €, 100 € e 50 €. As bases pódense consultar en https://microrreservasdeplaya.com/concurso/