23 parellas disputarán a tradicional Regata de Gamelas de Baiona

A Concellería de Deportes e Actividades Marítimas de Baiona organiza un ano máis con motivo das festas patronais da Anunciada a tradicional Regata de Gamelas “Gran Premio Euro Red Vigo 2022”.

Como en edicións anteriores, a regata centralizarase nun único día, o venres 5 de agosto, coa celebración das quendas clasificatorias femininas ás 17:00 horas e as masculinas ás 18:00. A final das mulleres será ás 19:30 horas e a dos homes ás 20:00. Ás 20:30 horas está prevista a entrega de premios, e a continuación haberá unha festa fin de regata cunha gran paellada.

Participarán un total de 23 parellas, 14 masculinas e 9 femininas, chegadas de Tui, A Guarda, Vigo, Uruguai, Redondela, Nigrán, Canarias, Salvaterra de Miño, Moaña e Coruxo. Clasificaranse para as finais as 4 parellas masculinas e femininas que consigan os mellores tempos nas quendas clasificatorias.

Os tres primeiros clasificados, tanto na categoría masculina como feminina, recibirán ademais do trofeo un premio en metálico, de 300 euros para os gañadores, de 200 euros para os segundos e de 100 para os terceiros. Haberá agasallos para todos os participantes.