Novos indicios de intencionalidade na zona do achado dun artefacto incendiario nun distrito forestal de Vigo-Baixo Miño

Axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural localizaron nas últimas horas novos indicios de intencionalidade na mesma zona na que se atopara, o pasado 23 de xullo, un artefacto incendiario que provocou un conato de lume no distrito forestal XVIII (Vigo-Baixo Miño). Neste caso, os especialistas da UIFO acharon nesa mesma área unha cabicha e probas do mesmo modus operandi que o rexistrado no devandito conato.

A localización deste dispositivo forma parte do traballo dos profesionais da UIFO espallados por todo o territorio galego en tarefas de investigación e vixilancia. Un labor que está a dar os seus froitos, co descubrimento de diferentes indicios de intencionalidade incendiaria nas últimas semanas. Así, no distrito forestal XIX (Caldas-O Salnés), o 28 de xullo atopáronse papeis de xornais amoreados e dous días despois os profesionais acharon unha pastilla de acendido cando estaban refrescando a zona onde se produciu un pequeno conato no distrito forestal III (Santiago-Meseta Interior).

O traballo da UIFO apóiase tecnicamente no uso de novas tecnoloxías, caso dos drons, así como no sistema de vixilancia posto en marcha pola Xunta, cun total de 148 cámaras instaladas por toda Galicia e que mesmo permiten identificar matrículas de vehículos.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.