Concello de Nigrán e IEM ofrecen unha xeira en barco polo mar de Panxón

O Concello de Nigrán e o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) organizan o mércores 10 de agosto unha xeira polo mar de Panxón na que o historiador especialista Xosé Lois Vilar abordará a talasonimia da zona (nomes propios do mar) e as historias a el vinculadas. Retómase así unha actividade habitual na programación de verán en Nigrán e que fora suspendida os dous anos anteriores pola pandemia.

O prazo de inscrición está aberto ata o luns 8 de agosto, tendo un prezo de 15 € para socios do IEM e 18 € para non socios (pódese facer a través da web http://www.iem.gal ou escribindo a oficina@iem.gal achegando todos os datos e facendo o pagamento bancario, toda a información está na web e no teléfono 986360575).

A xeira arrancará ás 21:30 horas e finalizará a medianoite. Incluirá un paseo marítimo nocturno para ver as Illas Estelas, e a costa da baía desde o mar con vistas a Monteferro, as Cíes e os montes do Val Miñor ao tempo que se relata a historia de naufraxios acontecidos na zona e as particularidades do mundo do mar.