Carlos Núñez actúa en Monteferro con entradas case esgotadas

Os últimos atrasados aínda teñen a oportunidade de gozar do concerto do mellor gaiteiro do mundo no mellor escenario do mundo o 6 de agosto ao mediodía ao terse esgotado practicamente as entradas para o día 5 coincidindo co solpor. Este segundo concerto, que forma parte da programación estival do Concello de Nigrán e que conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan Concellos, será o 6 de agosto ás 11:00 horas e se encadra na xira “Lugares Máxicos”. As entradas xa están á venda a través de Ataquilla cun prezo de 22 €. Tal e como arrancaron no 2020 os concertos de Carlos Núñez neste enclave único, o obxectivo é enfeitizar aos asistentes grazas á especial sinerxia coa natureza e o momento do solpor.

“Á vista está a unión fascinante de Carlos Núñez con Monteferro porque cada ano desde 2020 esgota en tempo récord as entradas para o solpor, por iso sempre repetimos, porque queremos darlle unha segunda oportunidade a todos os que quedaron coas ganas”, incide o alcalde, Juan González

“Monteferro é un deses paraísos onde ás veces veño a tocar, pero na intimidade, só para min e para a natureza. Porque ten un dos solpores máis impresionantes do mundo. A diferencia cos de lugares como Bahía, Río de Janeiro, ou California é que, mentres que alí a xente aplaude como se o sol e a terra ofrecesen un show, nós cecais sentimos ese intre como unha cerimonia. Segundo os nosos arqueólogos, os antigos habitantes de Monteferro e dos castros da costa de Galicia xa sabían moito de todas estas cousas…. Por iso, neste concerto repetirei o soño de compartir esas experiencias cos meus amigos músicos e co noso querido público. Seremos unha gran familia!”, sinala o propio Carlos Núñez, quen ten tocado dentro desta xira “Lugares Máxicos” en espazos tan singulares de Galicia como o Mosteiro de Oseira, o Dolmen de Dombate ou a Catedral de Mondoñedo.

Co obxectivo de respectar ao máximo a singularidade deste espazo natural e de facelo coa mínima intervención, só se reservarán cadeiras para persoas con problemas xustificados de mobilidade, xa que o obxectivo é gozar da música sentados no propio chan, nun ambiente íntimo e en comuñón coa contorna.