A Garda Civil desactiva dous puntos de venda de drogas en dúas casas na Guarda

A Garda Civil desactivou dous importantes puntos de venda e distribución de drogas en dúas casas no municipio da Guarda onde se incautaron diversas cantidades de estupefacientes. O operativo concluíu coa detención dos dous membros da parella que vivía nun dos inmobles, e o habitante da outra vivenda, como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas.

As investigacións iniciáronse o pasado mes de marzo cando se ten coñecemento de que nestas dúas vivendas que se atopan situadas nunha céntrica rúa da localidade da Guarda, podíanse estar a utilizar como punto de distribución e venda de droga ao “menudeo”, xerando na veciñanza unha situación de inseguridade pola afluencia de consumidores habituais de estupefacientes que frecuentaban os inmobles.

Por mor das investigacións realizadas confirmáronse as sospeitas e despois dos dispositivos establecidos polos efectivos do Equipo de Investigación da Garda Civil de Tui coa colaboración do Posto da Guarda, chegáronse a interceptar a varios consumidores habituais inmediatamente despois de comprar a droga nestas vivendas.

O operativo culminou coa entrada e rexistro nestes dous domicilios e a detención dos seus moradores, que resultaron ser unha parella de 48 e 45 anos, así como outro home de 54 anos, todos eles cun amplo historial delituoso relacionado cos estupefacientes.

Nos rexistros dos inmobles que viñan sendo empregados polos detidos para a venda de drogas, a Garda Civil incautouse de pequenas cantidades de heroína, cocaína, haxix, marihuana, algunhas delas dispostas en doses para a súa venda. Tamén se interviñeron 14 pastillas de metadona, diñeiro en efectivo, 4 básculas de precisión e cadernos con anotacións e rexistros das vendas.

É reseñable, que con ocasión do rexistro dunha das vivendas identificáronse no seu interior a tres consumidores habituais de estupefacientes. Ao parecer era unha práctica habitual que lles facilitasen o inmoble aos compradores para evitar que fosen interceptados na rúa polas forzas e corpos de seguridade.

Dúas destas persoas xa foran detidas o ano pasado por dedicarse á mesma actividade delituosa desde o mesmo domicilio. Os detidos pasaron ao dispor do Xulgado de Instrución de garda de Tui que decretou o ingreso en prisión dos tres.