
O Instituto de Estudos Miñoráns ofrece este mércores 3 de agosto, coa colaboración do Concello de Baiona, a xeira “Noite de estrelas na Serra da Groba”. A xeira, que estará guiada por Bruno Centelles e Gustavo Sanromán, ten como punto de encontro o aparcadoiro de Chan da Lagoa, ás 20:30 horas, ou o aparcadoiro do Alto da Groba, ás 21:00 horas.
Previo á observación astronómica os asistentes gozarán, desde os cumios da Groba, do espectacular solpor sobre o mar de Baiona e Panxón e sobre o Val de Miñor. Sendo unha actividade estática, nocturna e ao aire libre, é importante levar roupa de abrigo. Recoméndase tamén levar unha manta ou esterilla, ou mesmo unha cadeira lixeira, para sentarse.
Esta actividade terá unha duración aproximada de 90 minutos e non supón dificultade física nin require inscrición previa. Contarán con intérprete de lingua de signos.