“O alcalde pide colaboración aos veciños para aforrar auga mentres el a malgasta nas rotondas”

A seca que azouta Galicia este verán, e especialmente ás Rías Baixas, está a obrigar aos Concellos a tomar medidas para aforrar auga, tanto aos seus veciños como tamén a restrinxir o uso público en xardíns e baldeos. “Con todo, o tripartito de Baiona, lonxe de dar exemplo, fai todo o contrario”, denuncian desde o Partido Popular.

O alcalde, o socialista Carlos Gómez, pediu hai só uns días a través dun bando dirixido aos seus veciños “máxima colaboración” para aforrar auga, “mentres el a día de hoxe a malgasta nas rotondas con rega automática varias veces ao día”. O PP baionés denuncia este mal uso e “esta falta de conciencia por parte do tripartito nun momento difícil como este e que forzou, mesmo, a que empresas da provincia de Pontevedra teñan que pechar pola seca”. “Hai que predicar co exemplo, non lle podes pedir aos teus veciños que non reguen os seus xardíns e ti facer o contrario”, reprochan desde o PP.

“Os veciños de Baiona están a demostrar que están concienciados do problema derivado da falta de choivas este verán e entenden a necesidade de reducir o gasto de auga ao máximo para evitar o desabastecemento nos depósitos. Unha alternativa para non afectar á traída sería, por exemplo, utilizar o caudal que a diario expulsan as bombas dos Tendais e que acaba no desaugadoiro de pluviais”, propoñen desde o PP.

Tanto os cidadáns como os populares comprenden que se cortou a auga nas duchas e lavapés das praias, pero por este mesmo motivo, non entenden, precisamente, “que sexa o goberno local o irresponsable que malgasta nos xardíns este ben tan prezado sen ningunha contemplación”.