Nigrán ofrece un curso gratuíto de carretilleiro para veciñanza desempregada

O Concello de Nigrán ofrece un curso gratuíto de “Operador de loxística de almacén e carretilleiro” encadrado no seu “Plan de Formación para o Emprego 2022” tendo en conta que é un dos perfís máis demandados no municipio e se prevé que aínda o sexa máis. A actividade formativa conta con 20 prazas e está dirixida prioritariamente á veciñanza desempregada (en caso de non cubrirse admitiríanse traballadores en activo empadroados). O prazo de inscrición está aberto ata o 4 de agosto e pode facerse a través do Rexistro ou Sede Electrónica do Concello de Nigrán. Toda a información está pendurada no “Taboleiro de Anuncios” da sede electrónica en http://www.nigran.es.

A duración do curso é de 28 horas e desenvolverase matinalmente ao longo do mes de agosto (os horarios e lugar publicaranse coa lista de admitidos). Entre os criterios de selección puntuables figuran ter realizado ou solicitado un curso anterior do “Plan de Formación para o Emprego 2022”, ter o título da ESO ou equivalente, ser familia numerosa ou monoparental e, por vez primeira, inclúese ser maior de 50 ou menor de 20 anos pola especial dificultade de atopar emprego nese segmento de idade.

“A previsión en Nigrán, e que xa se está a percibir, é que aumente enormemente a demanda deste perfil laboral, por iso os servizos técnicos están a deseñar este tipo de formacións concretas”, explica o alcalde, Juan González, quen insiste en que se trata de aumentar a empregabilidade da veciñanza en paro.

O criterio de selección dos participantes seguirá un baremo no que contará ter formación relativa ao curso ou experiencia laboral ao respecto e, finalmente, en caso de empate seleccionarase mediante entrevista e cuestionario cumprimentado.