Nigrán incorpora un campus de actividades náuticas para crianzas nacidas entre 2006 e 2012

O Concello de Nigrán suma aos seus tradicionais campus deportivos de verán orientados a crianzas e adolescentes un de actividades náuticas a cargo da empresa local Ayuko Aventura que inclúe kaiak, paddle surf, bigsup XXL e bici de montaña. Este está dirixido a crianzas nacidas entre 2006 e 2012 e terá lugar do 15 ao 19 de agosto cun custe de 60 € (igual ao resto de campus). O prazo de inscrición xa está aberto a través de info@ayukoaventura.com, onde tamén ofrecen información aos interesados.

Cada verán, o Concello de Nigrán, coa colaboración dos clubs do municipio, ofrece desde xullo a setembro diferentes campus deportivos que van desde patinaxe a baloncesto, tenis, surf, multideporte, fútbol, fútbol gaélico, e ximnasia rítmica. Actualmente estase a celebrar o de ximnasia rítmica e quedan aínda o de multideporte nas instalacións de Ureca (8 ao 12 de agosto) e surf do 29 de agosto ao 2 de setembro. O Concello achega a merenda diaria para cada participante e a cobertura do seguro.

“Trátase, xunto co campamento municipal, dunha iniciativa para facilitar a conciliación familiar mediante actividades saudables ao aire libre, en definitiva, é promover o deporte desde a infancia e dando cabida a disciplinas para todos os gustos e a un prezo moi alcanzable”, indica o alcalde, Juan González.