Nigrán consolida o festival infantil “Parrulas Fest” coa súa edición máis internacional

O Concello de Nigrán ofrece desde o mércores 3 ao sábado 6 de agosto a terceira edición do Parrulas Fest no esteiro de A Foz da Ramallosa, festival producido desde a cooperativa Charlatana e dirixido a público infantil e familiar. Nesta ocasión, a cita contará con 6 das mellores compañías galegas de artes escénicas (clown, circo, acrobacias, teatro, malabares e outras disciplinas) coa gran particularidade de que dous dos artistas principais, Peter Punk e Jano Costas, son veciños de Nigrán. Sen embargo, a gran novidade é que “Parrulas Fest” dá o salto internacional cos prestixiosos arxentinos Chacovachi e Maku Fanchulini, a alemana Kaldi e, fóra de Galicia, volve contar cunha compañía andaluza (neste ano Antúan de la Cream). Toda a programación pode consultarse na web do Concello de Nigrán http://www.nigran.es.

“Os cativos desfrutaron de dous Parrulas Fest anteriores cheos de restricións sanitarias e agora ao fin poderán gozar do festival en plenitude e no seu máximo potencial”, destaca o alcalde, Juan González, quen incide en que “Parrulas” é xa unha parte imprescindible na programación de verán do Concello de Nigrán.

Todos os días haberá dúas actuacións diferentes ás 19:30 horas e 20:30 horas con entrada libre ata completarse o aforo. A maiores, o venres e o sábado ao mediodía (12:00 horas) ofrecerase unha sesión especial destinada á primeira infancia (Marta Ortiz con “Casa, casiña, casona” o 5 e Cé Orquestra Pantasma “A voar”, o 6). Como xa é habitual, conforme aos valores de compromiso social do festival, o sábado 6 rematará cunha gala solidaria a favor de Pallasos sen Fronteiras conducida por Peter Punk, nome artístico de Isaac Rodríguez, nigranés e socio fundador á súa vez da cooperativa Charlatana e vicepresidente da Asociación de Profesionais do Circo de Galicia. O fin é que o recadado mediante a “gorra solidaria” dos artistas participantes vai directamente a esta entidade que traballa a nivel nacional e internacional a favor da infancia máis desfavorecida co obxectivo de mellorar a súa situación emocional.

“Regresamos cunha programación moi variada e coidada na que destacan valores como a igualdade, o coñecemento, a escoita e o humor. Ao mesmo tempo favorecemos a socialización con familias e amizades e sementamos nos cativos o amor pola cultura e a lingua galega”, destaca Isaac Rodríguez, quen ten como obxectivo “situar a Nigrán no mapa dos festivais de artes escénicas en Galicia”.

Así, Parrulas Fest arrancará o mércores 3 co andaluz Antuán de la Cream e Sempre Arriba; xoves 4 con Jano Costas e Al Grano; venres con Marta Ortiz a mediodía e, na sesión vespertina, con Peter Punk e Maku Fanchulini e, finalmente, sábado con Cé Orquestra Pantasma ao mediodía e pola tarde Chacovachi e a gala a favor de Pallasos sen Fronteiras.