Paula Bouzós pide ao alcalde que dote de conserxe aos colexios públicos de Gondomar

O pleno do concello de Gondomar non chegou a debater a moción presentada polo PP para garantir que todos os colexios do municipio teñan conserxe no vindeiro curso. A pesar disto a voceira do PP gondomareño pide ao alcalde que non agarde ao vindeiro pleno e que para o curso que comeza en setembro dote a todos os colexios públicos de primaria de Gondomar e non pase como no pasado curso no que o Colexio Serra-Vincios estivo a maior parte do curso sen conserxe.

Recordan os populares que no mes de xullo de 2021 a comunidade educativa do Colexio Público Serra-Vincios tivo coñecemento de que a praza de conserxe quedaba vacante. O concello comprometeuse daquela a que no mes de outubro quedaría cuberta, pero a solución que adoptou foi enviar tres días á semana a tres conserxes diferentes dos colexios de Peitieiros, Donas e Gondomar, que pese ás súas boas predisposicións eran descoñecedores das necesidades do colexio e non tiñan o tempo suficiente para o arranxo das diferentes avarías que se producen diariamente nos centros educativos. Isto obrigou a que os membros directivos do centro tiveran que deixar de realizar moitas tarefas para indicarlles onde estaban as ferramentas, coordinando os traballos e moitas veces ter que explicarlles o mesmo problema a cada conserxe que ía ao centro.

O pasado 7 de decembro o Consello Escolar dirixiuse novamente ao alcalde para solicitarlle unha solución á falta dun conserxe dedicado ao centro, contestando Ferreira que quedaría solucionado pasadas as vacacións de Nadal. Debido a que todo seguía igual, no mes de febreiro a dirección enviou un novo escrito ao que o alcalde contestou que no mes de marzo ía quitar unha bolsa coa praza de conserxe para o colexio de Vincios, pero xa rematado o curso escolar o problema quedou sen solucionar, seguindo sen cubrir a praza de conserxe e cos problemas acumulados pola falta do mesmo, e o que é peor, sen garantir que no vindeiro curso o centro vai contar co tan demandado conserxe.

Desde que Ferreira é alcalde pasaron polo centro máis de quince conserxes diferentes, ao que se suman os moitos días nos que non houbo ningún conserxe, incluso algún mes completo como en setembro de 2021. Este cambio tan asiduo fai que os problemas non fagan máis que acumularse, xa que cando algún deles está familiarizado coas necesidades do centro vén o concello e o cambia ou o quita sen poñer outro, tendo que explicar todo cando chega outro conserxe novo.

Debido a isto son os profesores os que moitas veces teñen que facer de conserxe, o que repercute moi negativamente no desenvolvemento das actividades do centro escolar.

“Todos somos conscientes da labor tan importante que desempeña un conserxe nun centro educativo e soamente se valora cando falta, como é o caso do colexio Serra-Vincios, e nos outros tres centros de educación primaria de Gondomar cando quedan sen o conserxe porque o obrigan a desprazarse a outro centro. Por estes motivos solicitamos do goberno municipal de Gondomar que para o vindeiro curso que comeza en setembro garanta a presenza dun conserxe en cada un dos centros públicos de Educación Primaria de Gondomar”, argumenta Paula Bouzós.