A edición máis feminina do Nigranjazz quenta motores cunha sesión de cine ao aire libre

O Concello de Nigrán quenta motores para celebrar este venres e sábado (29 e 30 de Xullo) a edición máis feminina da Historia do Nigranjazz. Así, o espectacular escenario ao aire libre do esteiro de A Foz (A Ramallosa) acollerá a catro formacións internacionais, tres delas lideradas por mulleres: a pianista catalá Lucía Fumero, a guitarrista e compositora letona Ella Zirina e a cantante Eve Cornelious, bandas ás que se suma a do guitarrista franco-galego Wilfried Wilde (que tamén conta con mulleres no seu quinteto). Ademais, a tradicional master-class será o sábado ao mediodía no Auditorio do Concello e estará dirixida por Eve Cornelious, os interesados poden inscribirse aínda a través dun formulario web en http://www.nigran.es (onde ademais atoparán toda a información). Como cada ano, será un festival inclusivo que disporá de mochilas vibratorias para toda aquela persoa xorda que o solicite previamente no mail info@entresignos.com ou no whatsapp 690679675. O Nigranjazz é gratuíto e conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través da Liña 2 do Plan Concellos.

Adicionalmente, por vez primeira o festival incorpora unha sesión de cine gratuíto ao aire libre que será este xoves ás 22:30 no propio escenario de A Foz do Miñor coa película “Bird”, longametraxe de Clint Eastwood sobre o lendario saxofonista Charlie Parker ao que dá vida Forest Whitaker. Está considerado o mellor filme da Historia do jazz. A fama de “Bird” crece rapidamente despois da súa chegada a Nova York en 1940, pero Parker comeza a abusar do alcohol e das drogas, e a súa vida convértese nun inferno.

“Aínda sufrimos os efectos da pandemia á hora de organizar o festival pero, a pesar diso e con moito esforzo, traemos a algúns dos mellores músicos internacionais, sendo a maioría delas mulleres”, sinala Felipe Villar, director do festival e quen lamenta que “elas seguen sendo minoritarias na esfera do jazz”, unha circunstancia que, tal e como poderemos apreciar neste Nigranjazz, está a cambiar. Ademais, destaca que, coma sempre desde a orixe do festival, se intercalan en todas as formacións os mellores músicos galegos. Pola súa parte, o alcalde de Nigrán, Juan González, destaca a importancia de que o municipio figure no circuíto do jazz español por ter o festival máis antigo de toda a comarca (arrancou sendo precisamente el concelleiro de Cultura) e sendo todo un referente no noroeste peninsular.

Programa

O guitarrista franco-galego Wilfried Wilde está graduado no Conservatorio Superior do País Vasco, MUSIKENE, e será o encargado de abrir o festival o venres 29 ás 21:00 horas co seu quinteto. Esta será unha despedida de Wilfried de Galicia, xa que se mudará a Suíza tras ser seleccionado para o programa educativo Focusyear, proxecto anual dedicado a acadar a excelencia musical mediante a titorización dos mellores mestres internacionais. A continuación será a quenda ás 22:30 da pianista catalá Lucía Fumero co seu trío, Fumero foi galardoada co 1er Premio de Juventudes Musicales de España en Jazz 2020 e é a flamante gañadora do Premio Artista Emergente 2021 pola Plataforma Jazz España.

A segunda xornada, sábado 30, abrirá ás 21:00 horas coa guitarrista e compositora letona Ella Zirinae, graduada recentemente en Amsterdam cos máis altos honores e actualmente traballando con BIMHUIS en Amsterdam para o proxecto “Young Starters”, así como co JazzFest Amsterdam para o proxecto “Young Makers”. Pola súa banda, a cantante americana Eve Cornelius porá o broche de ouro ás 22:30 horas cunha voz que recorda totalmente ás grandes divas do jazz, soul e r’n’b. Cornelius gañou o premio BET Jazz Discovery e desde entón traballou con figuras da talla de Ramsey Lewis, Chucho Valdés, Mulgrew Miller, Norman Connors, Roy Hargrove…

Historia do festival

O Nigranjazz cumpre 16 anos sendo o festival máis lonxevo organizado dende o Concello de Nigrán e o único dedicado ao jazz de toda a comarca do Val Miñor. Actualmente está considerado entre músicos, afeccionados e prensa especializada como un dos mellores do noroeste peninsular debido á calidade dos artistas que nel participan. A diferenza doutros festivais, aposta por un jazz puro, afastado das vangardas. Sempre con entrada gratuíta, celébrase no espazo clasificado na Rede Natura do esteiro de A Foz, na Ramallosa, dende que en 2007 o impulsasen veciños de Nigrán entusiastas desta música, manténdose activos na organización co músico Felipe Villar á cabeza. Dende entón, conseguiuse achegar a Nigrán a algúns dos mellores artistas a nivel internacional, por el desfilaron, entre outros, Peter Bernstein, Gilad Hekselman, Bill McHenry, Jorge Rossy, Marteen Hogenhuis, Joe Martin, Chris Cheek, Kurt Rosenwinkel… Pero non hai que esquecer que o festival é tamén un espazo para os cada vez máis e mellores músicos de jazz galegos, así, é xa tradición que se integren nas formacións internacionais músicos locais, compoñendo agrupacións en exclusiva para o evento e dando a oportunidade aos músicos de aquí de presentar os seus traballos.