Nigrán ofrece en Patos unha nova sesión de “Ioga e Meditación no Solpor”

A maxia da praia de Patos para acadar unha paz espiritual e física regresa este xoves ao areal a partir das 20:30 horas nunha nova sesión de “Ioga e Meditación no Solpor” a cargo do gran mestre internacional Madhana, pioneiro nesta disciplina en España, introdutor en Galicia e fundador e director do Centro Sananda en Vigo. O célebre yogui realizará unha demostración e posterior clase iniciática gratuíta aberta a toda aquela persoa que desexe participar, non sendo preciso inscribirse previamente, tan só presentarse ás 20:30 horas no areal (altura da caseta de Protección Civil) cunha toalla ou esterilla, botella de auga e protección solar. As citas con “Ioga e Meditación no Solpor” regresarán o 9 e 30 de agosto no propio areal e sempre ás 20:30 horas para que coincida co sorprendente solpor de Patos.

“A primeira sesión do 12 de Xullo deixou imaxes e sensacións espectaculares; a combinación do enclave coa propia actividade é verdadeiramente marabillosa”, considera o alcalde, Juan González. “Queremos de maneira desinteresada e altruísta ofrecer este encontro na busca de maior equilibrio entre mente e corpo. Non existe outro beneficio que o do ioga mesmo, por iso animamos a toda aquela persoa interesada a que acuda”, invita Madhana Agulla, gran mestre acostumado a impartir cursos a nivel internacional e formado co profesor Rama Chandra Filosofía na India na Universidade Mysore.