Chega a Gondomar “Xiracan”, un festival solidario dog friendly con dous días cheos de actividades

Chega a Gondomar “Xiracan”, un festival solidario dog friendly con dous días cheos de actividades. Este festival no que se recadarán alimentos para as protectoras “Bai sen pulgas” e “Aloia”, terá lugar na contorna do parque canino o sábado 30 e o domingo 31 de xullo.

Así o sábado ás 19:00 horas dará comezo o festival cunha andaina, apta para todas as idades, que percorrerá a contorna do río. Aquelas persoas interesadas en acudir co seu can poderán inscribirse a través da aplicación para móbiles “Gohu” ou enviando un correo cos seus datos a alcaldia@concellodegondomar.gal. Tamén poderán facer a inscrición presencialmente no propio recinto do festival media hora antes do inicio da andaina, previsto para as 19:30 horas.

Esta actividade estará guiada e supervisada por adestradores e educadores caninos profesionais, aos que os participantes poderán facer consultas e axudarán no correcto desenvolvemento da actividade. Aquelas persoas interesadas pero que non posúan can tamén poderán participar, xa que se lles facilitará un can procedente das protectoras colaboradoras. Ao finalizar a andaina todos os participantes recibirán un agasallo.

Así mesmo ás 19:00 horas abrirase o mercadiño solidario no que as protectoras colaboradoras poñerán á venda diferentes artigos para recadar fondos. Ademais os máis pequenos poderán participar nun obradoiro de elaboración de chapas, aberto de 19:00 a 20:30 horas.

O domingo o festival abrirá as súas portas ás 12:00 horas e durante todo o día se poderá desfrutar de decenas actividades coma: mercadiño solidario, obradoiros infantís, charlas, coloquios, desfiles de cans en adopción ou diferentes exhibicións deportivas. A clausura do festival, ás 21:30 horas, estará amenizada coa música dos “Hermanos Cunha”.

O alcalde de Gondomar, Paco Fererira, subliñou que “tras a posta en marcha do parque canino municipal, con este festival queremos mostrar que Gondomar é unha vila amiga dos cans”, e destacou o importante compoñente solidario que ten este festival, “que quere poñer en valor o gran traballo que fan as protectoras e os refuxios de animais, e esperamos que esta actividade sirva para visibilizalo”.

O rexedor municipal aproveitou para “invitar a toda a cidadanía a participar, teñan ou non teñan can”. Por último quixo agradecer aos organizadores e ás empresas e asociacións colaboradoras o seu esforzo para que este festival sexa un éxito.