O Festival Nigranjazz ofrece unha Masterclass coa cantante norteamericana Eve Cornelious

Coma cada ano, o festival Nigranjazz organizado polo Concello de Nigrán ofrece unha Masterclass conducida por un dos artistas principais do festival. Este ano encargarase de impartir a clase a vocalista americana Eve Cornelious, unha prestixiosa cantante non só de Jazz senón tamén de Soul, Blues, Gospel…. xéneros musicais que aprendeu de primeira man desde a súa infancia.

A clase impartirase no Auditorio do Concello entre as 12:30 e 14:00 h do sábado 30 de xullo cun custe de 15€ (alumnos do Conservatorio Mayeusis, patrocinador da Masterclass, terán un prezo reducido de 10€). A inscrición farase enviando un correo a nigranjazz_matricula@folque.com ou cubrindo o formulario de inscrición na propia web do Concello de Nigrán (portada-Nigranjazz). Os asistentes poden participar activamente ou coma ouvintes dependendo do seu nivel, a clase está dirixida a cantantes e músicos xa iniciados ou avanzados de Jazz pero tamén é unha oportunidade para músicos da máis diversa procedencia e para os máis novos de comprender como funciona esta música tan especial.

Eve Cornelious participou en numerosas gravacións e xiras ao lado de prestixiosos artistas coma Roy Hargrove, Ramsey Lewis ou Jon Hendricks. Eve na actualidade alterna concertos e clinics por todo o mundo coa súa labor coma docente na East Carolina University. É unha oportunidade única para os estudantes para aprender de primeira man as particularidades desta música e as súas técnicas vocais.